Saturday 29 de June de 2024

O congreso internacional Mundos Digitales volve situar Galicia no epicentro da animación e os efectos visuais co patrocinio da Xunta


— Celébrase na Coruña do 4 ao 6 de xullo co foco posto nas aplicacións da Intelixencia Artificial e na chegada das producións virtuais en tempo real ao sector da radiodifusión

— Presentacións, máster class, proxeccións, o Festival Internacional de Curtametraxes de Animación e a Feira do Emprego son os eixos principais da programación

O congreso internacional Mundos Digitales regresa á Coruña do 4 ao 6 de xullo, volvendo situar Galicia no epicentro da animación, os efectos visuais e novos media a través dun intenso programa de actividades que conta co patrocinio da Xunta. Destacados profesionais de numerosos países daranse cita nesta 22ª edición do encontro, que este ano porá o foco na chegada das producións virtuais en tempo real ao sector da radiodifusión, ademais de continuar afondado nas aplicacións da Intelixencia Artificial.

A organización detallou os contidos de 2024 na presentación celebrada hoxe na Cidade das TIC, onde o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, fixo fincapé na “fazaña” que supón manter durante máis de dúas décadas un proxecto “que nos prestixia como territorio cultural, nos sitúa á fronte da innovación tecnolóxica aplicada ao audiovisual e transmite a imaxe dunha Galicia moderna, competitiva e con capacidade de concitar o capital humano máis punteiro deste ámbito”.

Tendo en conta a súa proxección internacional e o seu efecto multiplicador a nivel cultural e socieconómico, o evento volve contar co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude como “un dos mellores complementos para a política integral de apoio ao sector audiovisual galego” desenvolvida polo Goberno autonómico. Neste sentido, Sutil fixo referencia ao balance do Hub Audiovisual Industria Cultural, un programa excepcional de axudas convocado no trienio 2021-2023 cun investimento a través de fondos europeos de 9,6 M€, que deu como resultado un incremento da produción cultural en máis de 31 M€, contribuíu á materialización de 109 proxectos de distintas disciplinas artísticas e acadou a creación de 777 postos de traballo anuais equivalentes a tempo completo.

Talento galego
En canto á programación desta 22ª edición de Mundos Digitales, referiuse especialmente á participación das empresas galegas emerxentes na súa feira do emprego, a maior do seu ámbito en Europa respecto ao número de entidades inscritas, así como á presenza do audiovisual galego coas curtas Yo voy conmigo, de Chelo Loureiro, e Cafunè, de Calos Fernández de Vigo e Lorena Ares, que optan ao premio á mellor curtametraxe nacional do Festival Internacional de Animación.
Como en edicións anteriores, o encontro acollerá presentacións en exclusiva, máster class e reunións sectoriais arredor de diferentes ámbitos da creación dixital en animación, efectos visuais ou videoxogos. Ademais, este ano incorpóranse como eixos temáticos destacados a Intelixencia Artificial e as producións virtuais en tempo real para broadcasting, chamadas a cambiar o xeito de crear contidos a través da converxencia en rodaxe de imaxe real e virtual coa incorporación de escenarios tridimensionais e de personaxes virtuais 4D.

Deja un comentario